Wednesday 15 de May de 2024

Turismo de Galicia entrega os premios do seu Primeiro Concurso Desafío Hostaleiro


A actividade estaba dirixida a alumnos de bacharelato para promover a oferta formativa do Centro Superior de Hostalería de Galicia, referente internacional pola súa metodoloxía práctica e de calidade orientada ás demandas do mercado laboral

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) entregou os premios do seu I Concurso Desafío Hostaleiro. No acto estivo presente a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Aproveitouse a ocasión para o desenvolvemento de outras actividades como o recoñecemento ao mellor alumno do Centro, unha xornada de portas abertas, unha conferencia e catas e talleres prácticos.

No concurso participaron estudantes de primeiro e segundo de bacharelato en equipos de tres persoas. Os alumnos debían converterse no comité de dirección dun hotel virtual e amosar a súa capacidade para xestionar este establecemento.

Tanto o concurso como a xornada de portas abertas son actividades impulsadas por Turismo de Galicia para promover a oferta formativa do Centro, que xa é un referente internacional no ámbito da formación turística grazas ao seu marcado carácter práctico, con titulacións plenamente orientadas ao exercicio profesional e cunha metodoloxía moderna e eficaz que o diferencian doutras entidades similares.

De feito, desde a posta en marcha do CSHG en 1995 saíron del máis de 2.000 directivos que desenvolven o seu labor en empresas hostaleiras e turísticas de todo o mundo. O reclamo internacional que ten esta titulación está xustificado en que os alumnos que se gradúan están completamente preparados para embarcarse con profesionalidade no actual mercado laboral.

Outras actividades
Así mesmo, aproveitouse a celebración para recoñecer ao mellor alumno do Centro en base aos seus valores académicos e humanos, segundo o criterio de persoal e alumnos, e ofreceuse a conferencia Sector hostaleiro: motor de impulso da economía española, a cargo do economista e profesor universitario José María Gay de Liébana.

Os asistentes tamén participaron en catro actividades de tipo práctico organizadas polo CSHG: “Escola de sabores”, unha cata de chocolates; “False friends”, sobre as confusións lingüísticas máis frecuentes do inglés; “Idea o teu restaurante”, sobre como montar un negocio; e “Sabor ou marca?”, unha cata organizada polo departamento de marketing.